Wednesday 08 de May de 2024

As visitas guiadas “Camiño branco de Rosalía”, dos Quinquilláns, toman en agosto o relevo do “Chronicón Iriense” de Suso Martínez


Terán lugar todos os mércores e venres, ás 12:00 horas, dende o Fondo da Vila e por todo o casco de Padrón. Gratuítas pero é preciso inscrición previa

O Concello de Padrón ten programadas oito visitas guiadas gratuítas sobre a figura de Rosalía de Castro, que terán lugar todos os mércores e venres do vindeiro mes de agosto, ás 12:00 horas. Unhas representacións que correrán a cargo do grupo Os Quinquilláns, que retoman a figura da escritora padronesa despois do gran éxito acadado o ano pasado coas visitas teatralizadas á Casa-Museo Rosalía de Castro.

Este novo espectáculo, denominado “Camiño branco de Rosalía” en memoria do poema “Camino blanco, viejo camino”, terá como punto de inicio o Fondo da Vila de Padrón, para percorrer todo o casco de Padrón e rematar no Paseo do Espolón. A asistencia é de balde pero o número de prazas está limitado a 20 persoas por cada quenda, polo que é preciso reservar entrada en turismo@padron.gal ou no teléfono 646 593 319.

Os Quinquilláns tomarán así o relevo do “Chronicón Iriense”, unhas visitas guiadas dende a Igrexa de Santa María a Maior (Iria Flavia) e o casco histórico de Padrón, realizadas todos os sábados polo actor Suso Martínez. Uns espectáculos que encheron as vinte prazas dispoñibles en todas as sesións celebradas, a falta das sesións do 24 e 31 de xullo. Coma no caso anterior, as reservas poden facerse en turismo@padron.gal ou no teléfono 646 593 319.